Oleiros, 17 de marzo de 2016-. Onte foi un día no que se rexistraron varios accidentes na N-VI e no que se puxo de manifesto, unha vez máis, as tarefas pendentes que ten a administración central no Concello de Oleiros. “Realizaremos todas as campañas que fagan falta para que dunha vez por todas nos fagan caso”, dixo o alcalde de Ángel García Seoane.
As importantes melloras realizadas na zona do Seixal perden grande parte do seu sentido ao deixar sen resolver os problemas existentes na zona do Carballo e no cruce do Sol y Mar. “Na rotonda da urbanización O Pinar prodúcese un embudo que causa unhas retencións tremendas. E no Carballo, aínda que sacaron os semáforos e a circulación non é tan lenta como antes, segue a haber colas”, dixo García Seoane. O problema de Sol y Mar estaría resolto se algún dos dous proxectos polos que pagou o Ministerio de Fomento foran executados. De abordar esa obra, os coches que circulan pola N-VI e non teñen que tomar ningunha desviación transitarían por un paso subterráneo. Os veciños da zona e os que se dirixan cara Oleiros e Sada circularían pola superficie e terían unha rotonda para non ter que ir dar volta á ponte da Pasaxe.
“Se estes problemas non se abordan dunha vez, as retencións van seguir sendo unha constante”, recalcou Ángel García Seoane. O alcalde tamén declarou que as retencións provocadas polos accidentes vense agravadas polos requerimentos das compañías de seguros. “Non é normal que haxa que levantar atestados minuciosos cando non hai feridos. Cunha simple fotografía sería suficiente”, dixo.