Oleiros, 30 de xaneiro de 2016-. Jadiya Hamdi, ministra de Cultura da República Árabe Saharauí, realizará mañá unha visita institucional ao Concello de Oleiros. No encontro que a dirixinte saharauí manterá co alcalde e outros representantes do Goberno municipal, tamén participará a presidenta da ONG Solidadriedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla, e un representante do Frente Polisario.
O Concello de Oleiros leva desenvolvidos numerosos programas de cooperación e múltiples accións de divulgación e protesta pola situación na que se atopa o pobo saharauí, de aí o interese da ministra en coñecer o municipio. Sen ir máis lonxe, onte mesmo celebrouse un festival solidario co pobo saharauí nas Torres de Santa Cruz.
Desde a posta en marcha do programa vacacións en paz, o Concello de Oleiros participa activamente para que os nenos e nenas saharauís veñan a Galicia. Desde 2001 abóase unha cota anual de 900 euros para a Federación estatal de institucións solidarias co pobo saharauí e en 2015 subvencionouse con 6.000 euros un proxecto nos campamentos de refuxiados para paliar os danos provocados polas inundacións. A maiores, o Concello de Oleiros ten impulsado diferentes programas sanitarios desde o Fondo Galego de Cooperación, que tamén realizou unha achega de 10.000 euros para os campamentos afectados polas inundacións.
Desde a ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí informan que existe unha especial necesidade de fogares de acollida para o programa Vacacións en Paz 2017. As persoas interesadas en participar de forma solidaria neste proxecto poden informarse chamando ao 986 262 637 ou escribindo a vacacionesenpazsogaps@yahoo.com.