Oleiros, 16 de maio de 2018-. En relación coas declaracións do presidente do Consorcio das Mariñas nas que indica que o Concello de Oleiros está a distorsionar o funcionamento do organismos con imposicións, o Goberno municipal quere aclarar que se alguén está a distorsionar o Consorcio das Mariñas dun tempo a esta parte é o seu presidente. O seu impedimento a que o secretario e o interventor do Concello de Oleiros tomen as rendas da parte administrativa do Consorcio, ao amparo da disolución dos consorcios estipulada na Lei 40/2015 de 1 de outubro que os adscribe ao concello de máis poboación e de máis funcionarios, provoca unha situación totalmente irregular e ilegal.
A auditoría realizada sobre o servizo de recollida do lixo, acordada polo pleno do Consorcio, foi entregada con varios meses de retraso e non reflicte a situación real do servizo de recollida de lixo prestado por Cespa. Aínda así, detéctanse graves anomalías que se intentan tapar e ocultar por parte do presidente do Consorcio.
Respecto aos acordos tomados no Consorcio das Mariñas por maioría, o presidente deste organismo debería lembrar que está a incumprir os acordos de integración dos municipios na Área Metropolitana e de participación nas reunións para a súa formación. Tanto o presidente do Consorcio, e alcalde de Abegondo, como o alcalde de Carral boicotean a constitución da Área Metropolitana e non asisten ás xuntanzas que se celebran na Coruña para abordar este asunto.
Ademais, o presidente do Consorcio das Mariñas está a tomar decisións persoais que non se axustan en nada aos fins nin ás competencias do organismo e que, supostamente, poden estar a provocar posibles desvíos das funcións que lle corresponden ao Consorcio.