Oleiros, 26 de marzo de 2014. Helena Maleno, experta en migracións e especialista en investigación acción participativa e xénero e desenvolvemento, é a invitada do terceiro encontro dixital #Alén2015 do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que forma parte o Concello de Oleiros. Na entrevista, que se desenvolverá este venres 28 de marzo, entre as 12.00 e as 14.00 horas, a redactora de Periodismo Humano e membro da rede de apoio Caminando Fronteras analizará os fenómenos migratorios e todo o que atinxe a esta temática, co obxectivo de xerar un debate sobre unha realidade fundamental nos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.
A entrevista en liña será en directo e levarase a cabo nos perfís de Facebook (facebook.com/fondogalego) e Twitter (@FondoGalego) da entidade municipalista, entre as 12.00 e as 14.00 horas. Durante a súa intervención, Helena Maleno responderá ás preguntas das usuarias e usuarios a través da páxina de Facebook do Fondo Galego, no espazo reservado a comentarios no post coa fotografía da investigadora que se publicará xusto ao comezo do encontro, ou na conta de Twitter da entidade co hahstag #EncontroMaleno.
As persoas que non poidan participar en directo na entrevista poderán deixar con carácter previo as súas dúbidas nos post relacionados co encontro publicado no Facebook, empregando o hashtag #EncontroMaleno no Twitter ou ben enviando as súas preguntas ao correo fondogalego@gmail.com.
A presenza de Helena Maleno e a súa ampla experiencia en fluxos migratorios na terceira entrevista en liña #Alén2015 súmase ás realizadas no mes de xaneiro con David Llistar, autor do libro ‘Anticooperación’ e cofundador do Observatorio da Débeda na Globalización, que versou sobre a anticooperación, e a do colectivo Sarsur, o pasado mes de febreiro, que achegou unha visión interesante sobre a situación do Sáhara Occidental e as persoas que alí habitan. Estes encontros enmárcanse no programa #Alén2015 do Fondo Galego que a través da coordinación de entrevistas en liña mensuais con persoeiros da cooperación, pretende crear unha contorna de debate e invitar á reflexión sobre distintas temáticas ao redor dos obxectivos de desenvolvemento do milenio que conclúen en 2015.