Oleiros, 5 de novembro de 2020-. O vindeiro domingo 8 de novembro, en horario de 10 a 15 horas, celebrarase a XXXI edición da Feira do Mel baixo a cuberta da pista polideportiva de Perillo, na avenida da II República. A seguridade de todas as persoas asistentes estará garantida baixo un protocolo co que se dará estrito cumprimento a todas as normativas sanitarias vixentes.
Haberá control de acceso e regularase o número de asistentes, habilitaranse distintas zonas de entrada e de saída do recinto, crearase un único sentido de circulación polos postos, que estarán debidamente separados. Non poderán realizarse ningunha das actividades paralelas de anos anteriores tales como actuacións musicais, magosto, pulpeira, queimada, obradoiros infantís,…
Unha selección dos mellores apicultores galegos virán este domingo a Oleiros a expoñer e vender os seus produtos. As persoas que se acheguen poderán coñecer e adquirir todo tipo de alimentos e artigos relacionados co mel, desde os máis tradicionais ata os cosméticos.