Oleiros, 2 de novembro de 2011.- O salón de actos do complexo cultural A Fábrica acolle este venres a partir das 20.30 horas unha conferencia sobre a loita pola terra en Guatemala. O acto, en que participarán Juventina López e Damian Vail, dous líderes do movemento indíxena de loita pola terra neste país centroamericano, contará coa participación do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane.
En 1996 púxose fin ao conflito armado en Guatemala e asináronse os Acordos de Paz. Estes acordos pretendían establecer un marco propicio para o desenvolvemento económico do país, a paz e os dereitos humanos. Un dos puntos conflitivos é a recuperación por parte das comunidades das súas terras, que anos antes os gobernos militares venderan a terratenentes, empresas extranxeiras ou elites militares. Os indíxenas e os campesiños guatemaltecos levaban décadas loitando por recuperar as súas terras, e a partir de 1996, os Acordos de Paz ampararon esta loita. Este movemento ten moita relevancia no departamento de Retalhuleu, xa que é alí onde nace, e onde moitas comunidades atoparon finalmente o seu fogar. Unha das comunidades froito deste proceso de recuperación das terras arrebatadas é Nueva Cajolá, cuxa historia, como exemplo deste longo proceso aínda sen concluír, narrarase nesta interesante conferencia.