Oleiros, 27 de decembro de 2016-. O Concello de Oleiros oferta para esta semana de Nadal tres interesantes espectáculos teatrais para público infantil e familiar. O mércores, o xoves e o venres ás 18:00 horas o auditorio do centro cultural A Fábrica acolle as obras Pavillón Lino, Luppo e A casa do avó.
O mércores a compañía Caramuxo Teatro presenta o espectáculo Pavillón Lino, un espectáculo que nace para homenaxear o desaparecido Pavillón Lino da Coruña. Trátase dunha trepidante comedia de variedades pola que desfilarán unha morea de pintorescos personaxes: os auténticos autómatas; os monicreques de moca; Monquina "A gorila bailarina" e como non, Charito de Mera e a súa pulga. Esta obra está recomendada para nenos e nenas de máis de 5 anos.
O xoves Baobab Teatro trae a Oleiros o espectáculo Luppo, que conta a historia dun home maior que vive só e todos os días, ás doce en punto do mediodía, acende o seu gramófono e escoita ópera. Ten un amigo, Tulún, un neno que tamén todos os días lle leva o pan, as especias e o xornal. E todos os días Luppo lle relata unha historia da súa vida a Tulún. Unha mañá Tulún chega coa compra e Luppo non está... Esta obra está recomendada para nenos e nenas de máis de 4 anos.
O venres a compañía Tanxarina Títeres representa A casa do avó, na que un neno recibe o aviso de que o seu avó vai ser desaloxado da súa casa porque foi embargada por un banco. Na medida na que o neno se pon en marcha para axudar o seu avó dispárase un mundo de pequenas e divertidas aventuras, nun encontro entre o cómico e o poético, que desembocan nun final feliz propiciado polo apoio solidario. Esta obra está recomendada para nenos e nenas de máis de 6 anos.
As entradas estarán á venda os tres días a partir das 17:00 horas, ata completar a capacidade da sala. O prezo é de 2,50 euros.