Hemeroteca

Asset Publisher

Back A Fábrica acolle o vindeiro mércores unha charla sobre Disciplina Positiva

Oleiros,  6 de setembro de 2017-. O próximo mércores 13 de setembro, ás 20:00 horas, terá lugar no auditorio do Centro Cultural A Fábrica unha charla aberta sobre Disciplina Positiva. Esta actividade estará aberta a todas as persoas interesadas e, ademais de explicar máis polo miúdo en que consiste a Disciplina Positiva con exemplos e mensaxes claras, presentarase o proxecto Oleiros Educa Bonito, un obradoiro de 8 sesións dirixido a familias con menores de 0 a 6 anos no que se poderán inscribir a partir do día 14 de setembro.

A Disciplina Positiva é unha metodoloxía que ten as súas orixes a principios do século XX pero non é ata os anos 80 cando a Doutora en Educación Jane Nelsen a sistematizou, experimentou e contrastou os seus efectos positivos. Nestes últimos anos esta corrente está a acadar moita repercusión polo seu enfoque na crianza e educación dos fillos, xa que combina a firmeza coa amabilidade, axudando aos nenos e nenas a atopar solucións aos erros cometidos, fuxindo dos castigos e ensinando habilidades para a vida diaria. Axuda de forma moi eficaz aos menores a desenvolver as súas capacidades e a ser conscientes delas, consolidando comportamentos positivos que contribúen a formar fogares onde a comunicación é fluída e afectiva, ademais de convertelos en espazos de crecemento.

No momento actual, ser pai ou nai supón un desafío que, en moitos casos, pode chegar a desbordarnos. Todas e todos queremos facelo o mellor posible, pero moitas veces dubidamos sobre  como actuar en cada situación que se presenta na vida familiar: se castigamos ou non, se establecemos límites ou hai que ser flexibles, se prohibimos determinados comportamentos ou somos máis permisivos... Con esta charla e o posterior obradoiro se quere contribuír, dende o Concello de Oleiros, a apoiar e axudar as familias nesta importante responsabilidade.

A charla será impartida por María Soto Álvarez de Sotomayor, logopeda e adestradora certificada pola “Positive Discipline Association”; que conta cunha ampla experiencia no desenvolvemento deste tipo de obradoiros e é fundadora do proxecto Educa Bonito.

 

back link