Oleiros, 03 de novembro de 2016-. O auditorio da Fábrica acolle hoxe xoves, ás 20:00 horas, unha charla divulgativa sobre comunicación e xestión das emocións. “O poder das palabras”, título da conferencia, pretende mellorar as relacións nas familias, principalmente entre os pais e as nais e os seus fillos e fillas.
Nesta charla divulgativa as persoas asistentes poderán coñecer todas estas ferramentas da man de Mar Sánchez, psicóloga experta en comunicación e xestión emocional e profesional de recoñecido prestixio nestes ámbitos.
Mañá venres día 5 de novembro abrirase un período de inscrición, a través da carpeta cidadá da web municipal, para un obradoiro denominado “Comunicación e xestión emocional no entorno familiar” que se realizará en cinco sesións, os xoves pola tarde, en horario de 19:00 a 21:00 horas nas instalacións do Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo nas seguintes datas: 10, 17 e 24 de novembro e o 1 e o 15 de decembro. O obradoiro está dirixido especialmente a pais e nais que desexan mellorar e fortalecer a comunicación cos seus fillos e fillas, co fin de manter unha relación fluída e establecer unha base de confianza mutua que facilite o diálogo e a crianza.
A aprendizaxe destas técnicas permitirá mellorar as relacións familiares e previr problemas e conflitos que se poidan presentar no futuro. Saber traballar as emocións, coñecer como as emocións dirixen a nosa conduta, conectar cos fillos e fillas a través do respecto e a igualdade, xerar seguridade e potenciar a autoestima, son claves para mellorar a convivencia no ámbito familiar.
A metodoloxía proposta para estes obradoiros é vivencial, participativa e divertida, con dinámicas nas que aprender sexa algo divertido e construtivo, e nos que, sesión tras sesión, poderemos observar e recoñecer os avances acadados coa aplicación dos coñecementos adquiridos.
O obradoiro é totalmente gratuíto e as prazas son limitadas, cun período de inscrición que se abrirá mañá venres 5 de novembro ás 08:00 horas e rematará o día 8 de novembro ás 23:00 horas. A inscrición será única e exclusivamente a través da carpeta cidadá, na web municipal, co fin de evitar desprazamentos e facilitar a inscrición a través dun sinxelo trámite.