Oleiros, 10 de outubro de 2013.- O centro cultural A Fábrica acollerá desde hoxe e ata o próximo día 23 deste mes unha interesante exposición na que se analiza as novas formas de vida internacional en zonas afectadas por conflitos residuais, latentes ou periféricos, pero de gran potencial desestabilizador. Esta mostra inclúe paneis que analizan a situación de países como Taiwán, Palestina, Somalilandia ou Nagorno-Karabaj. En total 37 millóns de persoas se ven afectadas por estas guerras de baixa intensidade que teñen a súa orixe na Guerra Fía e nos procesos de descolonización.
Conferencia o próximo luns
De forma paralela a esta exposición, o Concello organiza o próximo luns día 14 ás 16.30 horas unha conferencia sobre este novo contexto inetrnacional. O simposio será impartido por Roberto Mansilla Blanco, analista e investigador do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional. No acto participará o alcalde de Oleiros, Ángel García Soeane.
Mansilla está licenciado en Estudios Internacionales (Universidad Central de Venezuela, UCV) e Magister en Ciencia Política (Universidad Simón Bolívar, Venezuela). Colabora con medios de comunicación de Galicia, España e Venezuela en temas relativos a política internacional. O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional é un think tank independente que nace en 1991 co propósito de reflexionar sobre os problemas e tendencias da sociedade internacional e potenciar unha maior inserción de Galicia no mundo a todos os niveis.