Oleiros, 7 de outubro de 2013-. A exposición Palabras, composta por imaxes do fotógrafo Gabriel Tizón e debuxos do ilustrador Xaquín Marín xa está instalada no IES Miraflores de Oleiros. O obxectivo é espertar a inquedanza entre a mocidade e invitar á reflexión sobre os valores da nosa sociedade. Nesta interesante mostra organizada polo Concello os autores comparten unha mirada común a través de dúas artes sobre situacións cotiás a través do debuxo e a fotografía. A mostra Palabras percorrerá ao longo deste curso os sete centros de ensino público do municipio de Oleiros.
En total expóñense 30 obras, 15 de cada autor, que reflicten e ilustran o significado de palabras como amizade, amor, capitalismo, humor, emigración, educación, paz, guerra, cultura…, palabras de carácter atemporal que resumen as emocións que moven as persoas deste mundo ao longo do tempo na nosa sociedade. Imaxes educativas e reflexivas para os autores e o público en xeral, sen distinción de idades, culturas ou ideoloxías, unha invitación ao público a reflexionar en tempos de présas que nos levan a cometer continuos erros.