Oleiros, 19 de abril de 2016-. O Concello de Oleiros inicia hoxe unha campaña de cooperación co pobo ecuatoriano tralo terrorífico terremoto rexistrado o pasado domingo en varias rexións do país. O Goberno local habilitou a conta solidaria do Concello de Oleiros para recadar fondos e que poidan ser empregados nas tarefas de reconstrución dos lugares afectados polo tremor.
O número de conta para realizar as doazóns é ES12-2080-0064-9830-4001-1138, da entidade Abanca. Todos os cartos recadados serán transferidos directamente ao Goberno Ecuatoriano, para asegurar que cheguen correctamente ao seu destino e poidan ser empregados para o que realmente son precisos. “A situación é urxente. O terremoto fixo moitísimo dano e hai que axudar. Eu mesmo vou doar integramente o meu soldo deste mes”, comentou o alcalde.
Ángel García Seoane, dirixiuse ao embaixador de Ecuador en España, Miguel Calahorrano Camino, para transmitirlle a solidariedade do pobo de Oleiros coas vítimas desta catástrofe. Tamén lle comunicou a posta en marcha desta iniciativa coa que se pretende axudar á recuperación do país.
Así mesmo, o Concello de Oleiros solicitará na executiva do Fondo Galego de Cooperación que se celebra mañá en Cambados a implicación das administracións galegas na cooperación co pobo ecuatoriano.