Oleiros, 14 de xaneiro de 2016-. A proposta do Concello de Oleiros, a Deputación da Coruña procedeu á contratación das obras para a construción dunha beiravía peonil que una os tramos xa existentes na coñecida popularmente como estrada de Meirás, no treito que vai desde As Torres de Santa Cruz ata o cruce de Abeleiras. O investimento que se vai realizar neste proxecto é de 137.000 euros. As obras eran de imperiosa necesidade dado que a estreiteza da estrada -5 metros de ancho- obrigaba os peóns a circular polas cunetas limítrofes.
Así mesmo, está a piques de finalizar a obra realizada co mesmo fin noutro tramo da mesma estrada, desde Abeleiras de Arriba ata Os Tornos. “Cando comezaron as obras, denuncie que estaban facendo unha chapuza. E de feito, grazas á miña intervención, do túnel da vía Ártabra cara abaixo está moito mellor feita. A Deputación dispón de terreo en toda esa estrada para facer unhas beiravías en condicións”, explicou o alcalde de Oleiros Ángel García Seoane. Esta primeira actuación, xunto coa que comezará nas próximas semanas, ten un custo de 300.000 euros.