Oleiros, 17 de novembro de 2021-. Teatro do Noroeste presenta o sábado ás 20:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera a comedia As virxes salvaxes. Luma Gómez, Elina Luaces, Rosa Álvarez, Imma António, Ana Santos, Manuela Varela, Miguel Pernas e Fernando González forman o elenco desta obra creada e dirixida por Eduardo Alonso.
As virxes salvaxes é unha comedia sobre a absurda pero necesaria situación de recluír os nosos maiores en institucións que os atendan e coiden. Nunha destas institucións, varias internas realizan, mesmo sen sabelo nin pretendelo, a súa propia revolución. Aproveitando a entrada dunha nova interna que é levada alí pola súa filla que non pode atendela, varias internas comezan a cuestionar a institución non deixando nada en pé.
As entradas poñeranse á venda a partir das 19:30 horas, a 5 euros, ata completar a capacidade permitida da sala. A obra está recomendada para un público adulto.
Este espectáculo forma parte da programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña.