Oleiros, 16 de abril de 2015-. Para esta mañá estaba convocado o Consello de Dirección do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). O dito órgano está composto polo reitor da Universidade da Coruña, como presidente, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o alcalde do Concello de Oleiros e o director do centro. Nesta reunión, que non é de carácter público posto que se trata do máximo órgano que dirixe a actividade do CEIDA, apareceu a candidata á Alcaldía de Oleiros polo Partido Popular, quen acudiu acompañada pola responsable de prensa deste partido no municipio.
Hemeroteca
Asset Publisher
Ante esta presenza o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, manifestou o seu malestar e solicitou que estas dúas persoas abandonasen a reunión ao non tratarse dun acto público. Así mesmo, o rexedor sinalou que se non se ausentaban sería el quen abandonaría a sala. Pola súa parte, a candidata á Alcaldía de Oleiros manifestou que ela era deputada nacional e que non abandonaría a sala. A negativa da alcaldable provocou un encontro verbal entre o alcalde e a conselleira, quen tamén amagou con abandonar a reunión se no se permitía a presenza da candidata á Alcaldía polo PP e da súa fotógrafa e membro do comité local do partido. Finalmente, a intervención do reitor da Universidade da Coruña permitiu que puidese celebrarse este consello sen a presenza da candidata do PP e da súa asistente.
Respecto ao cualificativo de «senvergonza» utilizado polo alcalde en relación ao comportamento da política do PP está sobradamente xustificado debido á actitude mantida. O Concello de Oleiros lamenta a utilización das institucións públicas por parte do Partido Popular, que, ante unha situación desesperada por saír a flote quere avasalar os seus adversarios con este tipo de actos de utilización do poder.