Hemeroteca

Asset Publisher

Back A Biblioteca de Santa Cruz acollerá unha conferencia sobre a construción do xénero e os réximes

Oleiros, 22 de novembro de 2016-. O vindeiro xoves 24 de novembro, ás 19:00 horas, a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz acollerá a conferencia titulada “A construción do xénero e os réximes de propiedade: un relato alternativo”. A charla correrá da man de Rebeca Baceiredo, filósofa e profesora de instituto.

Segundo Baceiredo “explicáronnos a historia como unha secuencia de feitos naturais, case biolóxicos, dos que indefectiblemente se deriva unha orde social, un estado de cousas. Así, o patriarcado pareceu ser algo necesario e non continxente. Dalgún xeito, desas premisas infírese que combatelo pode achegarnos a un estado máis civilizado mais que tamén pode implicar ir contra natura. Con todo, non só ese relato que nos presentaron como verdade única, tamén os propios conceptos empregados, son meras proxeccións do paradigma actual. A partir da análise do xénero como función subalterna e da súa relación coa existencia e a xestión da propiedade, nesta conferencia proponse unha revisión e un axuste dese mito.”

Rebeca Baceiredo é licenciada en Ciencias da Comunicación e doutora en Filosofía. Exerce de profesora de instituto. Foi premio extraordinario de doutoramento por Achegas onto-éticas para a liberación do suxeito: Unha aproximación a partir da filosofía de Gilles Deleuze. Algunhas das súas obras máis importantes son O suxeito posmoderno, entre a estética e o consumo (Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2005) ou A revolución non vai ser televisada: devir imperceptible seguindo a Gilles Deleuze  (Premio de Ensaio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega 2014).

Esta conferencia está organizada pola Fundación Euseino, en colaboración coas Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros. Esta Fundación, é unha organización non lucrativa independente, declarada de interese cultural e de interese galego pola Xunta de Galicia e inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

 

back link