Oleiros, 16 de marzo de 2012-. A biblioteca de Santa Cruz acolle o próximo xoves 22 de marzo ás 19.00 horas a presentación do libro “Mulleres na guerrilla antifranquista galega” de Aurora Marco. Marco é catedrática de Didáctica da Lingua e Literatura Galega e exerce a docencia na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago. Autora de vinte libros e máis de cen artigos publicados en revistas especializadas e actas de congresos científicos, as súas liñas de investigación preferentes son lingua, literatura e xénero. Nos últimos anos ten dedicado atención á recuperación e visibilización das mulleres represaliadas e participado en numerosos congresos e xornadas sobre a Memoria Histórica.
Con este libro, Aurora Marco pretende recuperar os nomes, a voz e o papel que tiveron as mulleres na guerrilla antifranquista, tradicionalmente esquecidas pola súa condición feminina e por ser desafectas co réxime. «É unha forma de homenaxealas porque a súa verdade histórica non se pode nin se debe esquecer», sinala a escritora.
No acto participará Francisco Pillado, director de Edicións Laiovento, quen publica o libro, home dunha dilatada experiencia no ámbito cultural como escritor, dramaturgo e tradutor. Así mesmo, proxectarase o documental As silenciadas de Pablo Ces, baseado en testemuñas de mulleres que participaron na loita guerrilleira. Esta presentación inclúese nos actos que se celebran en conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora e está organizada polo Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do Concello de Oleiros, ao que pertence a Biblioteca e Centro de Documentación da Muller Rosalía de Castro,especializada na materia do libro de Aurora Marco.