Oleiros, 30 de novembro de 2016-. Mañá xoves, ás 19.00 horas, preséntase o libro Mientras hilan las mariposas de Silvia Salgado na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz. Trátase dunha obra emocionante que retrata a alma feminina.
Mientras hilan las mariposas é unha novela deliciosa, moitas veces divertida e a intres dramática. A celebración do 40 aniversario de Isabel reúne en Londres a catro amigas da infancia, o que lles permite poñerse ao corrente das súas vidas. O seu reencontro pasa revista a moitas cousas: o peso da familia, o amor, o frenético ritmo de vida, a maternidade, o traballo. Son tan felices como cren? Un acontecemento inesperado na vida dunha delas, obrígaas a poñer o freo de man na súa rutina e a tomar decisións que definitivamente cambiarán as súas vidas.
A novela que se presenta mañá é a primeira de Silvia Salgado, que vive en Mera. É licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade Autónoma de Barcelona e Máster en Xornalismo pola Universidade de Barcelona e a Columbia University de Nova York. Na actualidade, bloguea con éxito en “Tulipanes de fresa”, onde cunha linguaxe moi particular que os seus seguidores xa identifican, recomenda as súas lecturas. Este blog recibe máis de 4.000 visitas mensuais.