Oleiros, 24 de abril de 2012-. A Biblioteca Central Rialeda do Concello de Oleiros gañou o premio Irmandade do Libro, concedido pola Federación de Libreiros de Galicia, na modalidade de Fomento da lectura. Este galardón, un dos máis importantes concedidos en Galicia, ten por obxecto premiar as actividades realizadas no fomento da lectura e para a promoción e divulgación dos libros e a lectura durante o ano 2011. Esta non é a primeira vez que o Concello de Oleiros é premiado con este galardón. No ano 1995 foi recoñecido na modalidade de Institucións e en 2009, igual que nesta edición, na de fomento da lectura.
Deste xeito, o Concello de Oleiros reafírmase como un referente no servizo bibliotecario público e no fomento da lectura desde a Administración. O Goberno local quere agradecer a súa participación a todos os veciños e veciñas usuarios e usuarias das instalacións e partícipes das actividades. Así mesmo, agradece a colaboración das entidades, asociacións e centros educativos que colaboran coas bibliotecas.
Outros premiados
Na gala de premios Irmandade do libro tamén foron distinguidos a Real Academia Galega, no apartado de Institucións, Agustín Fernández Paz como libro do ano por Non hai noite tan longa, mentres que Gonzalo Navaza conseguiu o galardón ao mellor autor. A Mitoloxía de Galiza, de Vítor Vaqueiro foi recoñecida como obra editorial 2011, o CEIP Riomaior de Pontevedra na categoría de centros de ensino e a libraría Cartabón de Vigo na de librarías.