Oleiros, 27 de xuño de 2019-. A Banda da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros ofrecerá un concerto o vindeiro sábado ás 19:30 h na praza de España de Aguilar de Campóo, na provincia de Palencia. Con este desprazamento, os músicos e músicas oleirenses poderán amosar o extraordinario traballo que veñen realizando desde hai anos.
Coa actuación tamén se devolve a visita que realizou a pasada semana a Banda Municipal de Aguilar de Campóo, que tocou na praza de Esther Pita xunto coa agrupación local. Ademais do concerto, os máis de 60 músicos e músicas desprazados ata terras palentinas aproveitarán a viaxe para facer diferentes visitas culturais e gozar dunha fin de semana de convivencia.