A festa contará cun obradoiro de cabazas, cun magosto e co Paseo do Terror entre outras actividades
Oleiros, 29 de outubro de 2010.- O Concello de Oleiros colabora coa Asociación de Veciños San Antón de Dexo na celebración do Samaín. Esta festa de orixe celta marcaba a chegada do aninovo a noite do 31 de outubro. Nesta data homenaxeábase ás persoas defuntas e as ánimas dos mortos volvían visitar as súas familias e as súas casas para quentarse ao carón do lume. Por este motivo, o cristianismo adaptou esta festividade á honra dos mortos designando o día 1 de novembro o día de Todos os Santos e o día 2 o día de Defuntos.
A Asociación San Antón elaborou unha programación chea de actividades para a fin de semana. O sábado 30 ás 17.00 horas na casa do pobo de Dexo haberá un obradoiro de cabazas para nenos e nenas, que deberán levar adornos para decorar as súas cabazas. Ao día seguinte empregaranse estas cabazas para o Paseo do Terror.
O domingo a partir das 19.00 horas, tamén na casa do pobo de Dexo, haberá un obradoiro de maquillaxe e a actuación dun grupo de animación para os máis pequenos. Este mesmo día, tamén se celebra un gran magosto con castañas asadas e o Paseo do Terror. Estes actos estarán amenizados polo Grupo de Gaitas Amanexo.