Os concellos que conforman a península ártabra sérvense da orografía do territorio para organizar as súas redes de auga polo que Sada “bebe” do depósito da Edreira, en Oleiros; así como parte de Bergondo e Cambre.
Alcalde e alcaldesa decidiron dirixirse á Xunta para solicitar a construción dun novo depósito de auga no alto do Coroto coa finalidade de dar servizo a zonas de Cambre como Pravío, Cecebre e o Polígono do Espírito Santo, así como para parte da parroquia oleirense de Nós. Xunto cos concellos de Sada e Bergondo tratarán de persuadir ao goberno galego para que mellore o conxunto da rede.
Canto á Vía Ártabra e a súa interrompida conexión coa AP-9 solicitarán unha entrevista coa Consellería de Infraestruturas para establecer o previsible cronograma dunha actuación tan importante para a mobilidade da comarca.
Por último, acordaron demandar á Dirección de Costas do Estado que remate os treitos que faltan para dar continuidade á conexión ciclopeonil costeira paralela á N-6 entre O Seixal e Santa Cristina, interrompida en dous treitos, que deixaron sen rematar tras as obras de rexeneración da ría. Un dos treitos, preto do Graxal, conecta os termos municipais de Cambre e Oleiros.