Hemeroteca

Asset Publisher

Back 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres

Imagen 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres

O 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, é unha data para celebrar conquistas, pero sobre todo para soster as loitas que as fixeron posibles e para mirar de fronte o que aínda queda por transformar.

Porque a igualdade real non chega soa: conquístase E deféndese, cada día, fronte a quen quere facernos retroceder.

 

Este 8M queremos poñer no centro unha idea tan sinxela como fundamental: as mulleres temos dereito a estar.

 

A estar en todos os ámbitos, en todas as decisións, en todos os espazos. Na ciencia e na investigación, na cultura e na política, na memoria e na vida cotiá, nos equipos e nos clubs, nas rías e nas estradas, nos escenarios e nas rúas. A estar ocupando espazo, tomando a palabra, liderando, competindo, caendo e levantándonos, mellorando e celebrando.

 

Porque durante moito tempo as mulleres fomos expulsadas dos lugares onde se constrúe prestixio, voz e recoñecemento. Onde se nos negaba o corpo libre, a forza, a potencia, a ambición, a presenza pública.

 

Ese borrado non é accidental: foi unha estratexia de poder. Como se nos quixesen convencer de que non tiñamos nada que dicir, nada que descubrir, nada que lembrar… e nada que conquistar.

 

Mais a realidade é outra: as mulleres fomos, somos e seremos produtoras de coñecemento, memoria e transformación social.

 

Somos corpos que se moven, que resisten e que se afirman.

 

Este ano reivindicamos con forza o papel das mulleres que practican distintas disciplinas deportivas, pois o deporte é dereito, é saúde, é comunidade, é liberdade.

E é tamén unha forma de dicir: estamos aquí.

 

Reivindicamos tamén o papel das mulleres que investigan e que foi ocultado: as historiadoras, xornalistas, activistas.E tamén as propias superviventes que levan anos abrindo camiños para nomear a violencia que se exerceu contra as mulleres no franquismo e máis alá.

 

Porque a represión tivo tamén unha dimensión específica e brutal, por ser mulleres.

Unha represión que non só castigaba a disidencia política, senón tamén a liberdade, a autonomía, a sexualidade, a pobreza, a rebeldía. O simple feito de non encaixar no molde de “boa muller”.

 

Mais hoxe as superviventes están falando. Están encontrándose. Están dicindo “a min tamén”. Están construíndo unha xenealoxía propia, unha memoria feminista que non pide permiso.

 

Porque non hai xustiza sen verdade, nin reparación sen recoñecemento.

E no presente, mentres medran discursos reaccionarios, tamén vemos como se tenta volver impoñer o molde da “boa muller”: a submisa, a recatada, a que cala e serve.

 

Vémolo nas redes, vémolo nos discursos que sinalan ás nenas e ás mozas, que ridiculizan o feminismo e que queren devolvernos a roles, a xaulas, nas que xa non estamos dispostas a estar. Por iso temos que dicilo alto e claro:

 

Non imos permitir que reescriban un pasado violento como se fose idílico, nin que nos devolvan ao lugar que outros queren decidir para nós.

 

Porque a liberdade das mulleres non se cuestiona.

 

Non se negocia.

 

Non vai retroceder.

 

Por todo esto, desde o Concello de Oleiros reafirmamos o noso compromiso coa igualdade, coa memoria histórica, coa dignidade das mulleres e coa construción dunha sociedade máis xusta, democrática e libre.

 

Porque somos memoria.

Somos presenza futuro e semente de cambio

Semente de loita.

Somos, semente de vencer.