Hemeroteca

Asset Publisher

Back Última cita das Tardes do Alfar co concerto de Bestas: muiñeira, punk rock e moita festa

O microfestival As Tardes do Alfar remata este xoves 31 de xullo no parque das Torres de Santa Cruz cunha nova cita para gozar da música e da artesanía ao aire libre. Nesta ocasión, a protagonista será a banda galega Bestas, un explosivo e recente proxecto que combina tradición e punk rock, cunha proposta sen filtros, disposta a facer bailar a todo o mundo con distorsión, “d-beat”, muiñeiras e moita festa.

A tarde dará comezo ás 19h coa demostración de olería ao vivo do artesán Alberto Añón, que converterá a contorna nun auténtico obradoiro artístico para os cativos. Ás 20h, será a quenda de Bestas, que presentarán o seu directo con temas propios e outros populares, 100 % en galego e 100 % para pasalo en grande. A súa proposta enérxica vai do tradicional ao punk rock sen límites nin prexuízos, cun único obxectivo: “divertirse e divertir”. 

Bestas é unha banda formada en 2023 por compoñentes e excompoñentes de diversos grupos da escena galega como Bastards on Parade, Trapallada, Wasted Wiltons, The Cañas ou Beloucinha Express. O seu son mestura a potencia do punk rock coa forza da música tradicional, incorporando gaitas, percusións tradicionais e a súa característica distorsión. En 2024 publicaron o seu primeiro EP con seis temas e o videoclip Todólogo, e teñen previsto entrar en estudio durante este 2025 para gravar o seu primeiro álbum.
 

back link