Oleiros, 15 de marzo de 2013-. O Concello de Oleiros informa de que hoxe a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, publica no DOG a Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
Os prazos de matricula son:
• Do 18 a 22 de marzo, reserva de praza no centro de orixe (onde están estudando).
• Do 5 a 17 de abril, presentación de solicitude de admisión no centro no que se solicite como primeira opción.
Para levar a cabo todos este trámites as persoas interesadas deberán acudir ao centro educativo onde desexan matricular ao seus fillos e fillas. A principios do mes de marzo a Concellería de Ensino e Xuventude remitiu unha carta informativa a todas as familias de Oleiros con fillos nacidos no 2010, que son os novos alumnos e alumnas dos centros educativos. Nesa carta axuntábase o certificado de empadroamento, necesario para levar a cabo o tramite de admisión. Como novidade este ano e en relación coa acreditación do domicilio familiar a orde indica o seguinte:
«O domicilio familiar acreditarase mediante certificado do Padrón municipal no que figuren todos os membros da unidade familiar que conviven nel. A data de alta no concreto domicilio deberá ter unha antigüidade mínima dun ano respecto ao inicio do procedemento de admisión».
Na páxina web do Concello, atópase o mapa escolar de Oleiros onde se pode comprobar as áreas de influencia.