Oleiros, 18 de outubro de 2013-. Ábrese o prazo extraordinario para solicitar praza nas escolas infantís de Oleiros. Todas as familias interesadas en solicitar praza nunha escola infantil no Concello de Oleiros neste prazo extraordinario de decembro, por nacemento ou adopción do fillo ou cambio de residencia recente, poderán presentar as súas solicitudes nas propias escolas antes do 30 de novembro.
O pasado día 10 de outubro publicáronse as listaxes definitivas de prazas nas escolas infantís de Oleiros tras rematar o proceso extraordinario de setembro. Na actualidade hai listaxe de agarda no nivel de bebés, de 0 a 1 anos, con 8 persoas empadroadas no Concello de Oleiros e 4 de persoas que traballan no municipio.
No nivel 1-2 é o nivel onde existe unha maior lista de espera, con 49 nenos e nenas, 44 de familias do concello, 3 que traballan en Oleiros e 2 solicitudes de concellos limítrofes. No nivel dos máis maiores, de 2 a 3 anos existen aínda 8 prazas libres: 4 na escola infantil A Pardela, 3 nas Galeras e 1 en Mera.
O Concello de Oleiros, con catro escolas infantís: A Pardela, As Galeras, A Canteira e A Braña en Mera, e 310 prazas, é o concello de Galicia con máis escolas dentro da rede de escolas infantís Galiña Azul, a pesar do esforzo municipal na dotación destes equipamentos segue existindo unha listaxe de espera.