Unha magnífica e fermosa obra de viaxes, aventuras e misterio, sen esquecerse dunha pequena historia de amor, que nos levará a unha travesía chea de sorpresas.
É de destacar que o capitán se chame Gabriel Verne, unha homenaxe a Julio Verne (que se chamaba Jules Gabriel Verne) por parte do autor, ademais de menciónarnos varias veces ao Capitán Nemo e o seu Nautilus. No libro tamén nos fala da obra “El mundo perdido” de Conan Doyle.
- Mozos-as e adultos-as:
"Intemperie" de Jesús Carrasco, en Seix Barral.
Narra a fuxida da súa casa dun adolescente a través da España central, nun país castigado pola seca e gobernado pola violencia. Un neno escapa da súa casa e agáchase nun burato
nas aforas do pobo, na zona das oliveiras. A maioría dos homes saen a buscalo. Non o atopan. Esperou ata o atardecer para saír do seu agocho. Despois de beber e comer algo das provisións que levaba no morral, no medio da noite púxose a camiñar en dirección ao norte tratando de evitar os sendeiros. Camiñando cara ao norte afastábase do pobo, do alguacil e de seu pai. Nese camiñar atópase a un pastor que o acolle e lle axudará...
Segundo transcorre a narración o autor vainos presentando unha paisaxe seca, árida, sen auga e con moi poucas árbores, baixo un clima duro, caloroso, sufocante, no que ten que sobrevivir á intemperie, como moi ben nos indica o título. Moitas persoas comparan a este autor con Miguel Delibes debido ao protagonismo e á importancia da paisaxe. Descoñecemos o nome dos personaxes, incluso o do protagonista, preséntanolos como: chico, pastor ou cabreiro, alguacil ...
Un excelente e conmovedor relato, cunha linguaxe sobria, na que a presenza da natureza é fundamental.
Intemperie é o debut literario de Jesús Carrasco, pero editores de trece países xa se puxeron de acordo para publicar simultaneamente esta obra.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.