Asset Publisher

Back Recomendacións en Radioleiros: 23 de maio

http://www.oleiros.org/web/concello-oleiros/comunicacion/radio/podcast/todo-esta-nos-libros

http://bmpg.rbgalicia.org/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=106348- Infantil (a partir de 6 anos):
"Paxaro de mar e vento" texto de Tucho Calvo e ilustracións de Xosé Cobas, en Biblos.
Fermoso álbum que nos fala do nacemento dunha nova ave “a astrófuga mariña”. Unha ave que nace da imaxinación dunha nena, Mar, que recorría a praia do Vilar en compañía de súa nai para recoller cunchas e crebas. Buscando atoparon un nobelo de pequenos restos de herbas, xuncos, canas, tan ben feito que mesmo parecía un niño, pero non tiña paxaro. Onde estaba? E así é como xurdiu a astrófuga mariña. Unha ave “filla do vento, da area, do mar e da imaxinación” que naceu coas características que lle foi adxudicando esta nena, segundo a ela lle gustaba que fose.

Os textos están acompañados dunhas delicadas e belas  ilustracións que cobren páxinas enteiras e que nos van describindo o que está acontecendo. Poderemos gozar contemplando ilustracións nas que predominan os tons azuis do ceo e o mar; ou verdes, azuis  e ocres do mar e a area, toda unha beleza para os sentidos. Unha obra de gran sensibilidade que ao mesmo tempo que nos presenta este relato tamén nos di, ao final, que quizais a imaxinación das nenas e nenos actuais faga algo por remediar no futuro a sucidade que mancha o mundo, o lixo que moitas veces se acumula nas praias ou que contamina o mar.

- Mozos-as e adultos-as:
"Nimbos" de Xosé María Díaz Castro, editado por Galaxia
http://bmpg.rbgalicia.org/cgi-bin/koha/opac-search.pl?idx=au%2Cwrdl&q=d%C3%ADaz+castro&idx=ti&q=nimbos&idx=pb%2Cwrdl&q=galaxia&sort_by=relevance&do=AceptarEste ano o Día das Letras Galegas dedicouse ao poeta Xosé María Díaz Castro e desde as Bibliotecas Municipais de Oleiros non queremos que pase o mes de maio sen recomendar a principal obra deste autor Xosé María Díaz Castro naceu en Guitiriz (1914-1990), estudou no Seminario de Mondoñedo, exerceu como profesor de ensino medio no colexio Leon XIII de Vilagarcía de Arousa. Despois de licenciarse en Filosofía e Letras pola Universidade de Salamanca, marchou para Madrid onde alternou a docencia co seu traballo de tradutor no Ministerio de Gobernación, posteriormente no Instituto de Cultura Hispánica e despois no Consello Superior de Investigacións Científicas. Ademais do español e o galego dominaba un gran número de linguas europeas: francés, inglés, alemán, italiano, portugués, holandés e linguas escandinavas,  polo que se inscribiu na Asociación Española de Traductores e Intérpretes. Traduciu ao español e ao galego escritores europeos tan coñecidos como: Lamartine, Rimbaud, Chesterton, Claudel, Yeats, Walt Whitman, Eliot, etc.

Destacando sobre todo as súas versións de Rilke. Traducindo tamén ao inglés obras de escritores españois  como por exemplo Rafael Alberti ou Federico García Lorca. Díaz Castro xunto con Iglesia Alvariño e Crecente Vega solen incluílos no grupo de Escritores humanistas da literatura de posguerra. A súa obra máis importante é Nimbos, publicada por primeira vez no ano 1961. Consta de 32 poemas distribuídos en sete apartados denominados: Pórtico, Noite, Lus, Espranza, Milagre, Soño e Ferida. Segundo Carballo Calero, "Xosé María Díaz Castro restaurou a poesía humana" e para Fernández del Riego “a súa lírica é unha das máis representativas do século XX, sendo fondamente galega, polo espírito que a informa, resulta universal pola altura e a verdade que encerra”. Segundo Armando Requeixo, outras liñas da súa poesía son “a reflexión poética, a dicotomía Luz/Sombra(s) coa relación Deus/Ser humano ao fondo; a importancia do Tempo e a Historia; a visión de Galicia...”
 

Unha das características da súa poesía é a forte unión coa terra, destacando o poema Penélope no que mostra unha Galicia auténtica. Este poema é o que comeza cos versos:

Un paso adiante e outro atrás,  Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove...
 
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.