O programa municipal de actividades complementarias de Educación Física ten como finalidade enriquecer a formación do alumnado mediante a práctica de actividades deportivas diferentes ás habituais, complementando os contidos curriculares da materia. Todas as actividades son gratuítas e o Servizo Municipal de Deportes proporciona o material necesario e, cando procede, o transporte ás instalacións municipais.
Actividades ofertadas:
- Hockey a patíns (1º Primaria): Iniciación ao desprazamento sobre patíns e aos fundamentos básicos do hockey.
- Sendeirismo (2º Primaria): Percorrido guiado para fomentar a actividade física e o respecto polo medio natural.
- Rugby na praia (3º Primaria): Iniciación ao rugby mediante xogos e tarefas adaptadas na praia.
- Orientación I (4º Primaria): Primeiros conceptos de orientación con planos, balizas e xogos.
- Escalada deportiva I (5º Primaria): Iniciación á escalada e ás normas básicas de seguridade no rocódromo.
- Body Box (6º Primaria): Actividade de acondicionamento físico baseada en movementos de artes marciais.
- Defensa persoal (1º ESO): Desenvolvemento da coordinación, equilibrio e autoconfianza mediante técnicas básicas.
- Parkour (2º ESO): Aprendizaxe de desprazamentos e superación de obstáculos de forma segura.
- Orientación II (3º ESO): Perfeccionamento das técnicas básicas de orientación deportiva.
- Remo e kaiak de mar (3º ESO): Iniciación ás modalidades náuticas e ás normas de seguridade.
- Escalada deportiva II (4º ESO): Perfeccionamento das técnicas de progresión e aseguramento en rocódromo.
- Surf (4º ESO): Iniciación ao surf, coñecemento do material e seguridade no mar.
- Spinning (1º Bacharelato): Actividade de ciclismo indoor orientada á mellora da condición física.
- Sendeirismo e kaiak nas Fragas do Eume (1º Bacharelato): Actividade combinada de natureza e deporte en contorna natural.
- Bicicleta polo contorno do centro (curso solicitante): Saída en bicicleta para promover a mobilidade activa e segura.
Obxectivos
- Complementar a materia de Educación Física mediante actividades deportivas innovadoras e adaptadas a cada etapa educativa.
- Promover hábitos de vida saudables, o coñecemento das instalacións municipais e o respecto polo medio natural.
- Dar a coñecer modalidades deportivas que favorezan a práctica regular de actividade física no municipio.
Destinatarios
Alumnado de primaria, secundaria e bacharelato dos centros públicos de Oleiros. Os departamentos de Educación Física distribúen as actividades entre os diferentes cursos segundo o interese curricular.
Temporalización
As actividades desenvolveranse durante o período escolar, de setembro a xuño, nas datas acordadas entre os centros educativos e o Servizo Municipal de Deportes.
CURSO 2025/26
Durante o curso 2025/26 desenvolveuse o programa municipal de actividades complementarias de Educación Física coa participación dos 5 CEIPs e dos 3 IES do municipio. Realizáronse aproximadamente 150 sesións, nas que participaron máis de 3.000 alumnos e alumnas, achegando ao alumnado unha ampla oferta de actividades deportivas, de natureza e de aventura adaptadas a cada nivel educativo.
O programa consolidouse como un recurso educativo de referencia, permitindo coñecer as instalacións deportivas municipais, fomentar hábitos de vida saudables e ampliar os contidos da materia de Educación Física mediante experiencias prácticas, gratuítas e accesibles para todo o alumnado. O Servizo Municipal de Deportes continúa apostando pola continuidade e mellora desta iniciativa nos vindeiros cursos.