O vindeiro mércores 2 de marzo entréganse os premios do VIII Premio Literario Descubrindo Oleiros, ás 18.00 horas nas Torres de Santa Cruz. Ademais da entrega de premios actuará Ramiro Neira.
O Servizo de Normalización Lingüística organiza este concurso literario para promover o uso da lingua galega e dar a coñecer o municipio. Desde o seu inicio estaba orientado ao alumnado de 3º de primaria ata 4º de ESO, mais este ano abriuse para maiores de 16 anos.
Establecéronse 6 categorías, atendendo á idade das persoas participantes.
Na primeira, para nenos e nenas de 3º e 4º de primaria, presentáronse 44 relatos e resultou gañador Joaquín de Santa Pau García, de 3º de primaria do Colexio Hijas de Cristo Rey, polo relato A luz vermella.
Na segunda categoría, presentaron os seus relatos 73 alumnos e alumnas, e debido á calidade dos textos decidiuse outorgar nesta categoría o premio a Ana Ramil Castro, de 6º de primaria, polo relato Se eu che contara... e concedemos un accésit a Ismael Souto Botana polo relato Aventuras nas Torres de Santa Cruz, tamén do CEIP A Rabadeira e outro a Jimena Toledo Piñeiro, de 6º de primaria do CEIP Luis Seoane, polo relato Maruxa por Oleiros.
Na terceira categoría, resultou gañador Pablo Rodríguez Gagino, de 2º de ESO do IES María Casares polo relato Quen son...?.
Na cuarta categoría, a pesar de quedar deserta, queremos mencionar a calidade do único texto presentado, A miña pantasma, non foi gañador porque non se especificaba claramente que os lugares descritos fosen en Oleiros, mais o xurado consideraba que o texto estaba moi ben escrito.
A quinta categoría, para rapaces e rapazas de 16 e 17 anos quedou deserta por non presentarse ningún relato.
E na 6ª categoría, para persoas adultas, gañou Mª Mónica Rey Santiago polo relato O camiño da verdade e outorgáronse dous accésits a Orixes, de Pedro Santiago López Caamaño e ao conto A illa da esperanza, de Antía Barreiro García.
Ao acto de entrega poderán asistir as persoas gañadoras e as participantes e as súas familias. O premio será un cheque de 200 euros para comprar en diferentes comercios de Oleiros que animen á lectura e fomenten a cultura galega.