BPM Mª José Trincado

Asset Publisher

Back 24 de outubro: Día da Biblioteca nas Bibliotecas Municipais de Oleiros

https://bamadgalicia.wordpress.com/2019/10/15/24-de-outubro-dia-da-biblioteca-2019

Desde o ano 1997, cada 24 de outubro, celébrase o Día da Biblioteca, en lembranza da destrución da Biblioteca de Sarajevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico. Unha efeméride que busca resaltar a importancia que teñen as bibliotecas para a historia como resgardo da cultura e dos seus escritos, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana. A partir de este ano incorpórase o lema “Aptas para todos os públicos”.
Nas Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros, co obxectivo de divulgar a existencia deste día, desexamos mostrar os nosos centros como lugares de educación, formación e aprendizaxe, pero tamén de lecer e entretemento, e informar sobre os servizos que ofrecemos, animar a ler e que as nenas e os nenos se divirtan escoitando contos e/ou realizando sinxelos traballos manuais. A continuación presentamos algunhas actividades e invitamos a todas as persoas a que nos visiten, leven fondos bibliográficos (libros, DVD, CD, revistas) en préstamo ou que compartan unha reseña sobre un dos seus libros favoritos.
https://rbgalicia.xunta.gal/gl/actualidade/avisos/dia-da-biblioteca-2019
Biblioteca Central Rialeda. Perillo
- Abecedario de sorpresas
Unha escolla de libros e películas para deixarse seducir por lecturas imprevistas. Cada letra do alfabeto lévanos a unha palabra ou a un concepto que nos pon sobre a pista do argumento, tema, idea en torno ao que xira a lectura que se propón. Descubre historias inesperadas, asómbrate con relatos cos que non tiñas cita. "Abecedario de sorpresas", proponche unha.
- Deseño de bolsas-mochilas para lectoras-es: o 24 de outubro, ás 17:30, levarase a cabo este obradoiro a cargo d'O Faiado de Nin, dirixido a nenas e a nenos a partir de 6 anos.
https://www.amigosdellibro.com/DiaBiblioteca19
 
 
Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro. Santa Cruz
- Deixando pegadas…
Cada día deixamos a nosa pegada na rúa, na casa, no parque, no colexio… por cada sitio que pasamos deixamos a nosa marca. “Hoxe é o teu día de sorte… deixa a túa pegada na biblioteca”. Na entrada da biblioteca  haberá dúas enormes letras, o B e o P, nas que con pintura de dedos poderás deixar a marca da túa man.
- Contos da nai selva: Historias tradicionais de América do Sur: o 23 de outubro, ás 18:30 horas, levarase a cabo esta sesión de contacontos a cargo da actriz Paula Carballeira, dirixido a nenas e nenos a partir de 4 anos.

Biblioteca Pública Municipal Mª José Trincado. Mera
- Obradoiro de decoración de marcapáxinas
Actividade dirixida ao público infantil que consiste na decoración de diferentes marcapáxinas conmemorativos do Día das Bibliotecas. Na semana do 21 ao 25 de outubro.

Biblioteca Pública Municipal Xograr Mendiño. Lorbé
- Obradoiro de decoración de marcapáxinas
Actividade dirixida ao público infantil que consiste na decoración de diferentes marcapáxinas conmemorativos do Día das Bibliotecas. Celebrarase o 24 de outubro.
- Mostra bibliográfica “Bibliotecas para tod@s”
Mostra bibliográfica titulada “Bibliotecas para tod@s”, na que se expoñerán libros de adultas-os e infantís que falen ou teñan como escenario as bibliotecas e os libros.
- Obradoiro de debuxo e pintura para nenas-os
Actividade dirixida ao público infantil para pintar e ilustrar diversos debuxos con temas alusivos aos libros e ás bibliotecas. Durante a segunda quincena de outubro.

Biblioteca Pública Municipal Ánxel Fole. Nós
- A vida da biblioteca
Queremos mostrar o punto de referencia que é a nosa biblioteca como lugar de lecer, entretemento, estudo, aprendizaxe e encontro. Realizarase un centro de interese no que todos os materiais teñan como protagonista principal ou secundario a biblioteca e o libro. Faremos marcapáxinas e debuxos alusivos a dita celebración.

Biblioteca Pública Municipal Mª José Ruso. Dorneda
- Os libros protagonistas
Exposición de libros do fondo de ficción infantil e do fondo de ficción de adultas-os que teñen como protagonista o libro, a lectura e a biblioteca.
- Canto sabes sobre as bibliotecas?
Pasatempos relacionados co mundo das bibliotecas. Actividade dirixida ao público infantil.