Campaña de animación á lectura

Campaña de animación da lectura

A Campaña de promoción da lectura realízase co fin de que o alumnado dos centros de ensino público deste Concello adquiran gusto pola lectura e amor polos libros, así como que coñezan algunhas das bibliotecas municipais para que as visiten e utilicen no horario en que non permanecen nos respectivos centros de ensino.

OBXECTIVOS:

- Coñecer algunhas das bibliotecas do Concello de Oleiros.

- Potenciar a asistencia ás bibiotecas municipais, non só como lugar de estudo e consulta, senón tamén como centros de lectura lúdica.

- Espertar o gusto pola lectura, de forma que vexan os libros como algo ameno, cos que poden pasar bos momentos ao mesmo tempo que se instrúen e amplían os seus coñecementos.

- Achegarnos pola vía da animación aos sectores menos dados á lectura, a aqueles nenos/as, adolescentes e mozos/as, que non sinten ningún interese por esta.

- Favorecer procesos de creación e expresión oral e escrita.

- Fomentar unha lectura lúdica, crítica e reflexiva que os faga pensar e reflexionar como cidadáns/as máis libres e solidadarios/as.

- Vivir o libro en colectividade, enriquecéndose cunha lectura activa e participativa.

- Promover a reflexión nos diferentes axentes educativos sobre a importancia da lectura como enriquecimento individual e colectivo.

- Incidir na importancia dos libros de contos, narracións e historietas no desenvolvemento da imaxinación e creatividade dos/das nenos/as, adolescentes e mozos/as.

LUGARES DE REALIZACIÓN:

- Biblioteca Central Rialeda, en Perillo.

- Biblioteca Pública Municipal e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro", en Santa Cruz.

- Biblioteca Pública Municipal "Manuel María", en Oleiros.

DESTINATARIAS/OS:

Alumnado dos centros de ensino público de Oleiros.

ACTIVIDADES:

En función das necesidades e da programación de cada centro realizaranse actividades específicas para os distintos centros que as soliciten:

- Presentación da biblioteca e explicación do seu funcionamento.

- Contacontos.

- Narración ou dramatización de contos.

- Actividades literarias.

- Encontros con autores/as.

- Obradoiros de ilustración.

Asset Publisher

Back Homenaxe a Xabier P. DoCampo

Con esta homenaxe queremos lembrar o escritor e amigo Xabier P. DoCampo organizando diversas actividades e exposicións bibliográficas e convidar a todo o alumnado a que leven os seus libros en préstamo para que gocen coa súa lectura.

- Un conto de tres noites, a cargo do contador de contos Caxoto.
22 de marzo, ás 10:00, Biblioteca Municipal “Manuel María” (Oleiros), para alumnado de 4º  de EP do CEIP Rabadeira.
Deixarémonos levar polo enigma que fai que unha illa xurda do medio do mar sen previo aviso. Que malos augurios pode traer? Acaso o inmenso mar non gardará alá no fondo historias e segredos que ninguén coñece?

- A nena do abrigo de astracán, a cargo da actriz e contadora de historias Soledad Felloza.
26 de marzo, ás 10:00, na Biblioteca Central Rialeda (Perillo) para alumnado de 4º de ESO do IES Neira Vilas.
Esta novela é unha viaxe a esas tardes de cine en localidades pequenas. O percorrido desas películas alongábase coas persoas que logo repetían o argumento en cada casa. A nena da obra enche os ocos do seu corazón cos mundos que imaxina máis aló da pantalla.
Paralelamente asistimos a un mundo onde hai xenreiras, prexuízos, intransixencias, traxedias e un mundo máxico que traspasa a vida cotiá das xentes que ven con asombro o milagre que acontece no corazón da carballeira de Ribadeínsua na segunda metade dos anos 40. En tempos nos que "as forzas vivas" dun pobo pequeno deciden as vidas das persoas, xorde a voz de Susana que sofre por ser orfa...  

- Cando petan na porta pola noite, a cargo do contador de contos Caxoto.
5 de abril, ás 10:15 h. e ás 11:35 h., na Biblioteca Central Rialeda (Perillo), para o alumnado de 5º de primaria do CEIP Valle Inclán.
10 de abril, ás 10:35 h., na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz), dirixida a alumnado de 1º de ESO do IES María Casares.
12 de abril, ás 10:30 h., na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz), dirixida a alumnado de 1º de ESO do IES Miraflores.
Xabier P. DoCampo demostrou posuír ao longo de toda a súa traxectoria unha especial habilidade para recoller a esencia da oralidade galega e trasladala á súa obra. Neste espectáculo farase un percorrido polas historias contidas nun dos seus libros máis premiados Cando petan na porta pola noite (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1995, entre outros galardóns). Nelas exploraremos a Terra Chá natal do autor, as lendas espalladas por toda a súa xeografía, as nosas tradicións...

- Contos de medo que deixan durmir, a cargo do contador de contos Caxoto.
2 de maio, ás 10:00, na Biblioteca Central Rialeda (Perillo), dirixida a alumnado de 2º de ESO do IES Neira Vilas.
A través destas historias o alumnado aprenderá unha maneira de afrontar o medo, de rirse del, a sacarlle proveito e a convertelo nunha porta cara un mundo cheo de aventuras e fantasía. Servirase da música, a imaxe e a maxia nunha sesión onde o público será unha parte máis do espectáculo.

- Cun ollo aberto e... a cargo do actor e contador de contos Ramiro Neira.
21 de maio, ás 10 h., na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz), dirixida a alumnado de 2º de primaria do CEIP Isidro Parga Pondal.
Peza de narración oral baseada na obra Cun ollo aberto e outro sen cerrar de Xabier P. DoCampo, formada por 16 relatos breves moi influenciados pola literatura de tradición oral e os contos marabillosos, pero destacando a relación entre realidade e fantasía tan característica do autor.