Campaña de animación á lectura

Campaña de animación da lectura

A Campaña de promoción da lectura realízase co fin de que o alumnado dos centros de ensino público deste Concello adquiran gusto pola lectura e amor polos libros, así como que coñezan algunhas das bibliotecas municipais para que as visiten e utilicen no horario en que non permanecen nos respectivos centros de ensino.

OBXECTIVOS:

- Coñecer algunhas das bibliotecas do Concello de Oleiros.

- Potenciar a asistencia ás bibiotecas municipais, non só como lugar de estudo e consulta, senón tamén como centros de lectura lúdica.

- Espertar o gusto pola lectura, de forma que vexan os libros como algo ameno, cos que poden pasar bos momentos ao mesmo tempo que se instrúen e amplían os seus coñecementos.

- Achegarnos pola vía da animación aos sectores menos dados á lectura, a aqueles nenos/as, adolescentes e mozos/as, que non sinten ningún interese por esta.

- Favorecer procesos de creación e expresión oral e escrita.

- Fomentar unha lectura lúdica, crítica e reflexiva que os faga pensar e reflexionar como cidadáns/as máis libres e solidadarios/as.

- Vivir o libro en colectividade, enriquecéndose cunha lectura activa e participativa.

- Promover a reflexión nos diferentes axentes educativos sobre a importancia da lectura como enriquecimento individual e colectivo.

- Incidir na importancia dos libros de contos, narracións e historietas no desenvolvemento da imaxinación e creatividade dos/das nenos/as, adolescentes e mozos/as.

LUGARES DE REALIZACIÓN:

- Biblioteca Central Rialeda, en Perillo.

- Biblioteca Pública Municipal e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro", en Santa Cruz.

- Biblioteca Pública Municipal "Manuel María", en Oleiros.

DESTINATARIAS/OS:

Alumnado dos centros de ensino público de Oleiros.

ACTIVIDADES:

En función das necesidades e da programación de cada centro realizaranse actividades específicas para os distintos centros que as soliciten:

- Presentación da biblioteca e explicación do seu funcionamento.

- Contacontos.

- Narración ou dramatización de contos.

- Actividades literarias.

- Encontros con autores/as.

- Obradoiros de ilustración.

Asset Publisher

Back Día mundial do libro 2014 nas bibliotecas de Oleiros

http://portharcourtworldbookcapital.org/

Cos obxectivos de conmemorar o Día Mundial do Libro e potenciar o hábito lector, as Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros organizan numerosas actividades de promoción da lectura como espazos de ocio e aprendizaxe dirixidos a toda a poboación, programando actividades que abarcan as diferentes idades e distintos formatos como contacontos, espectáculos teatrais, narracións dramatizadas, charla de divulgación científica, talleres e tertulias literarias, obradoiros de banda deseñada, obradoiros de poesía e exposicións de libros e mostras bibliográficas. A UNESCO nomeou a cidade nixeriana de Port Harcourt capital mundial do libro 2014.
Contacontos en todas as bibliotecas, ás 18:30 horas, dirixidos a nenas e nenos menores de 10 anos: o día 22 quen queira gozar cos contos de Caxoto pódese achegar á Biblioteca de Montrove ou o 29 á Biblioteca Manuel María de Oleiros; o 23 á Biblioteca Rosalía de Castro en Santa Cruz para escoitar a Soledad Felloza, ou á Biblioteca de Lorbé con Pedro Brandariz; se prefire a Pizpireta pode oíla o 24 na Biblioteca Central Rialeda ou o 28 na Biblioteca de Dorneda; a Ramiro Neira o 25 na Biblioteca de Mera e ese mesmo día tamén estará a Compañía Trinke Trinke na Biblioteca de Nós; e o día 30 contarase coa presenza de Gemola na Biblioteca Rosalía de Castro en Santa Cruz.

Ademais, o 24 de abril, ás 17 horas, realizarase un contacontos especial para menores de 4 anos na Biblioteca Central Rialeda con Charo Pita (neste caso é imprescindible reservar praza).

O 25 de abril, ás 18:30 horas, na Biblioteca Central Rialeda, teremos unha charla de divulgación científica, dirixida a nenas e nenos (a partir de 10 anos) adolescentes e para público en xeral, titulada “NA PROCURA DOS DEUSES DA IDADE DO FERRO. DA CIENCIA Á FANTASÍA CON “VENTO E CHUVIA” a cargo de Manuel Gago Mariño e Soledad Felloza. Manuel Gago Mariño é profesor da Universidade de Santiago de Compostela, na Facultade de Ciencias da Comunicación. Director de culturagalega.org, portal de divulgación do Consello da Cultura Galega. Soledad Felloza é contadora de contos, actriz e fotógrafa.
 
Continuamos coas tertulias literarias para mozos/as e adultos/as na Biblioteca Central Rialeda e na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz. No grupo B da Biblioteca Rialeda, o 23 de abril comentarase a obra “El proyecto esposa” de Graeme Simsion e no grupo A, desa mesma biblioteca, o día 30, falarase de “El amor no es un verso libre” de Susana Fortes.
 
 http://www.unesco.org/new/en/unesco/events/prizes-and-celebrations/celebrations/international-days/world-book-and-copyright-day-2014/Estanse a realizar contacontos dirixidos especificamente a alumnado dos centros de ensino público de Oleiros como por exemplo, “Contos con ovos”, a cargo de Pablísimo, para alumnado de educación infantil do CEIP Rabadeira de Oleiros, os días 22, 23 e 24 de abril na Biblioteca Manuel María de Oleiros. “Viaxe a París”, a cargo da Compañía Trinke Trinke, para alumnado de ensinanza primaria dos colexios Luis Seoane de Mera e A Rabadeira de Oleiros, os días 24 e 25 de abril na Biblioteca Manuel María de Oleiros e na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz. “Contos terribles”, a cargo de Pablísimo, para alumnado do colexio Luis Seoane de Mera, o día 29 na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz e tamén nesta biblioteca, o día 30, “O cole de lonxe de todo” a cargo da Compañía Trinke Trinke, para alumnado de educación infantil do Colexio Isidro Parga Pondal de Santa Cruz.
A compañía Matapiollos Teatro levará a cabo, na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz, o espectáculo “Abrapalabra”, o día 22 de abril para  alumnado de 4º e 5º de primaria do CEIP Luis Seoane de Mera.

Obradoiros de banda deseñada a cargo do ilustrador Manel Cráneo, os días 23 e 25 de abril, para alumnado dos colexios Isidro Parga Pondal de Santa Cruz e Luis Seoane de Mera, na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz.

Obradoiros infantís de poesía realizados pola poeta Yolanda Castaño e dirixidos a alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Rabadeira de Oleiros, os días 29 e 30 de abril na Biblioteca Manuel María de Oleiros.

Sen esquecernos das mostras bibliográficas e  exposicións de libros: Na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz "23 álbums ilustrados para ti: exposición dos mellores álbums ilustrados da editorial Juventud”.
Na Biblioteca Central Rialeda e na Biblioteca de Santa Cruz, exposicións especiais adicadas ao insigne escritor falecido recentemente, “Gabriel García Márquez 1927-2014”. En Rialeda continuamos tamén con "100 anos de Platero y yo” de Juan Ramón Jiménez e “O máis doce aniversario: 50 anos da publicación de Charlie e a fábrica de chocolate” de Roald Dahl.