Campaña de animación á lectura

Campaña de animación á lectura

Campaña de animación da lectura

A Campaña de promoción da lectura realízase co fin de que o alumnado dos centros de ensino público deste Concello adquiran gusto pola lectura e amor polos libros, así como que coñezan algunhas das bibliotecas municipais para que as visiten e utilicen no horario en que non permanecen nos respectivos centros de ensino.

OBXECTIVOS:

- Coñecer algunhas das bibliotecas do Concello de Oleiros.

- Potenciar a asistencia ás bibiotecas municipais, non só como lugar de estudo e consulta, senón tamén como centros de lectura lúdica.

- Espertar o gusto pola lectura, de forma que vexan os libros como algo ameno, cos que poden pasar bos momentos ao mesmo tempo que se instrúen e amplían os seus coñecementos.

- Achegarnos pola vía da animación aos sectores menos dados á lectura, a aqueles nenos/as, adolescentes e mozos/as, que non sinten ningún interese por esta.

- Favorecer procesos de creación e expresión oral e escrita.

- Fomentar unha lectura lúdica, crítica e reflexiva que os faga pensar e reflexionar como cidadáns/as máis libres e solidadarios/as.

- Vivir o libro en colectividade, enriquecéndose cunha lectura activa e participativa.

- Promover a reflexión nos diferentes axentes educativos sobre a importancia da lectura como enriquecimento individual e colectivo.

- Incidir na importancia dos libros de contos, narracións e historietas no desenvolvemento da imaxinación e creatividade dos/das nenos/as, adolescentes e mozos/as.

LUGARES DE REALIZACIÓN:

- Biblioteca Central Rialeda, en Perillo.

- Biblioteca Pública Municipal e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro", en Santa Cruz.

- Biblioteca Pública Municipal "Manuel María", en Oleiros.

DESTINATARIAS/OS:

Alumnado dos centros de ensino público de Oleiros.

ACTIVIDADES:

En función das necesidades e da programación de cada centro realizaranse actividades específicas para os distintos centros que as soliciten:

- Presentación da biblioteca e explicación do seu funcionamento.

- Contacontos.

- Narración ou dramatización de contos.

- Actividades literarias.

- Encontros con autores/as.

- Obradoiros de ilustración.

Asset Publisher

Back Case que 3000 alumnos-as dos centros de ensino de Oleiros participarán nas actividades de fomen

Un curso máis as Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros organizan a Programación de actividades de fomento da lectura dirixidas ao alumnado dos centros de ensino deste Concello, co obxectivo de fomentar a lectura, así como que coñezan algunhas das bibliotecas municipais para que as visiten e utilicen no horario en que non permanecen nos seus respectivos centros de ensino.
Levaranse a cabo na Biblioteca Central Rialeda (perillo), na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz), no Teatro As Torres e na Biblioteca Municipal Manuel María (Oleiros).

Comezarase o 1 de marzo e realizaranse ata finais de maio. Serán 148 sesións e nelas participarán cerca de 3000 alumnas-os de educación infantil, primaria, ESO e bacharelato, acompañados do seu profesorado.
No dossier presentado aos centros de ensino figuran 35 actividades diferentes, das que o profesorado de cada un dos centros de Oleiros seleccionou un total de 19, que son as que mellor se adaptan á súa programación escolar. En función da idade, do curso que estean realizando e da escolla de cada profesor ou profesora, o alumnado poderá visitar a Biblioteca Central Rialeda, recrearse con contacontos e a narración de historias, achegarse á mitoloxía e coñecer algo da construción da Torre de Hércules, divertirse con espectáculos musicais, gozar con pezas de teatro, deleitarse coa poesía, coñecer a produción literaria de autores/as como Rosalía de Castro, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Álvaro Cunqueiro, Julio Cortázar, Yolanda Castaño e Francisco Fernández del Riego, que é o escritor homenaxeado este ano con motivo do Día das Letras Galegas, etc.
Algunhas das actividades que se levarán a cabo son:
Contacontos como As aventuras de Mariña con Galeatro; A vella da botella con Lía Magalia; Avó e Contos no ar con Ramiro Neira; Pipo, o paxaro que non sabía voar con Trémola Teatro; Aprendendo a querer e Asociación de animais solidarios con Trinke Trinke.
Concertos como Contando números, cantando cores con Pablo Díaz; Brinca vai: de aquí a acolá con Paco Nogueiras e Pequena Ramona con Pakolas.  
Espectáculos poéticos coa escritora Yolanda Castaño.
Coñecer a vida e a obra da insigne autora Rosalía de Castro con A miña historia a cargo de Trémola Teatro.
Coñecer a obra de escritores-as como Álvaro Cunqueiro con Feirantes; de Fina Casalderrey e de Agustín Fernández Paz con Contos de aquí, ambas a cargo de Ramiro Neira.
Saber quen foi Ánxel Casal con Contos nosos a cargo de Ramiro Neira.
Coñecer o proceso creativo con Ilustrando en verso a cargo de Enrique López.
Descubrir un abano de obras pictóricas de todo o mundo con Aproximación á ilustración a cargo do ilustrador Óscar Villán.
Aproximarse á nova mitoloxía con Superheroes ou viaxar a través das viñetas en Viaxe en viñetas co ilustrador Miguel Cuba.
Achegarse á microficción con O bo, si breve... ou relacionar o humor e a linguaxe con Pártome e móndome... a cargo da poeta Isabel Andrés.
Aprender sobre a Torre de Hércules con Hércules e o xigante a cargo do arquitecto Enrique López.
Achegamento á vida e á obra de Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado este ano con motivo do Día das Letras Galegas con Unha viaxe vivida a cargo de Ramiro Neira.
 

Con todos estes actos pretendemos favorecer o acceso ao libro en condicións de igualdade para todos os cidadáns, promover a lectura, participar en procesos de creación e expresión oral e escrita, fomentar unha lectura lúdica, crítica e reflexiva e colaborar no proceso de desenvolver a imaxinación e a creatividade. Desde as bibliotecas municipais de Oleiros traballamos para conseguir novos e mellores lectores e lectoras que contribúan a crear unha sociedade máis culta, libre e solidaria.