Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros segue celebrando as Letras cun recital e o concerto Canta o cuco este domingo nas Torre

Oleiros, 25 de maio de 2016.- Este mes de maio remata cun recital de Manuel María nas Torres  de Santa Cruz a cargo do alumnado dos obradoiros municipais de teatro, o domingo 29 de maio ás 12.00 horas. E despois, para seguir celebrando as Letras Galegas e homenaxeando a Manuel María, a Concellería de Cultura e Normalización Lingüística organizou o concerto Canta o cuco de Magín e Uxía.
O alumnado dos obradoiros municipais de teatro do Departamento de Cultura fará un percorrido pola obra de Manuel María, a través dunha lectura de varias composicións onde desde os nenos e nenas ata o grupo adulto interpretarán as verbas do autor pasando polos poemas infantís, xuvenís e aqueles máis representativos do autor chairego mostrando a temática e as características da súa escrita.
Ademais, a continuación terá lugar o concerto Canta o cuco, onde Magín Blanco e Uxía Senlle poñen a voz a unha escolla de poemas dos libros Os soños na gaiola, As rúas do vento ceibe, Terra Chá, Os lonxes do solpor e Panxoliñas e unha canción de creación propia destes dous experimentados do panorama musical galego, Todo me fala de ti, unha conversa co universo do poeta. Unha selección cunha visión contemporánea dos versos de Manuel María pasando por varios estilos e ritmos, unha proposta músico-teatral dirixida por Inacio Vilariño, onde se mesturan diferentes técnicas escénicas, manipulación de obxectos, monicreques, música e traballo actoral.
A entrada será gratuíta con invitacións que se entregarán a partir das 11.00 horas nas Torres de Santa Cruz, ata completar a capacidade da sala.
 

back link