Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros protesta polo estado de abandono da N-VI ao seu paso polo municipio

  Oleiros, 6 de marzo de 2015-. O Goberno local de Oleiros levou a cabo esta mañá un acto de protesta en contra da situación de abandono á que someten os gobernos estatal e autonómico ás vías supramunicipais ao seu paso polo municipio. Nas inmediacións da ponte da Pasaxe realizouse unha representación da visita da ministra de Fomento, Ana Pastor, mentres o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, expoñía as principais deficiencias da N-VI ao seu paso polo municipio. Así mesmo, o alcalde solicitaba a execución dos proxectos de mellora redactados para os puntos máis conflitivos, como a ampliación da Pasaxe ou o soterramento da vía ao seu paso por Solymar e O Carballo.
 
A ministra contestou con evasivas ás reiteradas solicitudes do rexedor. «Se podemos, podemos. Non prometo nada», sinalou. Tras a improvisada reunión, ambos despregaron unha gran pancarta na que se podía ver o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, caricaturizado sobre a ponte da Pasaxe mentres os coches que transitaban pola infraestrutura acababan nun embude.
 
Unha vez rematada a representación o alcalde explicou os motivos da protesta. «O motivo deste acto está moi claro: parécenos insultante a política que Fomento mantén coa comarca da Coruña. Esta estrada é a vía con máis tráfico da comarca e de Galicia cun tránsito de 100.000 vehículos diarios», sinalou. 
 
«A N-VI presenta tres graves problemas que están sen resolver desde o ano 1998. A ponte da Pasaxe, Solymar e O Carballo», concretou o rexedor. «Existen proxectos e había cartos para executalos. Diñeiro que foi gastado noutras obras do país deixando de lado proxectos tan necesarios como a obra do Carballo», concluíu. Respecto a esta obra en concreto, o alcalde denunciou que o Ministerio está devolvendo o solo expropiado para a ampliación e esixindo o diñeiro cos intereses.  «Algo que é totalmente ilegal», indicou. 
 
En relación ao necesario soterramento en Solymar, García Seoane sinalou que é unha vergonza e un insulto á cidadanía a situación que presenta a N-VI neste punto debido aos atascos que nel se forman a diario. Ademais, o mandatario oleirense criticou o anuncio electoral da ampliación da ponte que considerou insultante que «se engane a cidadanía dunha forma tan cruel». Por último, referiuse á necesidade de incrementar as medidas de seguridade para peóns na AC-173 e á conclusión da inconclusa vía Ártabra, proxectos que depende da Xunta de Galicia.
 
 
 
back link