Oleiros, 30 de marzo de 2015-. O Concello de Oleiros participará mañá activamente na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que se celebra en Santiago de Compostela a partir 11.30 horas. O Concello de Oleiros, socio fundador e membro activo do fondo, estará representado na asemblea por Marga Figueroa, concelleira de Participación Cidadá, Cooperación e Recursos Humanos.
Neste encontro, o último desta lexislatura, presentarase o Plan de actividades do Fondo Galego para este ano, que xirará arredor do décimo aniversario de Vacacións con Traballo e o programa de voluntariado internacional dirixido a persoal das deputacións e concellos socios. Tamén se exporá o orzamento previsto para o presente exercicio e someterase a aprobación o balance económico de 2014, entre outras cuestións.
Presentación Causas Comúns
Tras a reunión, o secretario executivo da Plataforma de ONGD da rexión de Bafatá en Guinea Bissau, Boubakar Djalo, o fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón e a traballadora social Rocío Botana explicarán os resultados da iniciativa Causas Comúns, coa que colabora o Fondo, neste país de África occidental.
O obxectivo de Causas Comúns é informar e sensibilizar a través da fotografía como idioma común, tanto ao pobo galego como ao guineano, sobre o incumprimento dos Dereitos Humanos en África e en Europa, pois non só hai dificultades para acceder á vivenda, o traballo, a comida ou a xustiza nos países empobrecidos. O proxecto subliña asemade a traxedia política e humanitaria que se vive nas fronteiras europeas.