Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Oleiros adquire a totalidade da finca Tenreiro, en Nós

 Oleiros, 30 de xuño de 2014-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, anunciou que o Concello acordou a adquisición definitiva do conxunto da coñecida como finca Tenreiro, un terreo amurallado de 30.000 metros cadrados e que conta con fermosas árbores centenarias situada na parroquia de Nós. Parte desta finca, ao redor de 11.000 metros cadrados xa era de propiedade municipal. De feito o Goberno local adquiriu hai anos esa parte do terreo para situar o novo colexio do municipio que na actualidade se está a construír neste lugar. 

 
Con esta nova adquisición, o Goberno local suma outros  20.000 metros cadrados que serán destinados a parque público. Segundo indicou o propio García Seoane, o acordo coa fundación propietaria do terreo alcanzouse a cambio dunha cantidade en efectivo, ao redor dos 86.000 euros, e 4 parcelas urbanas de solo edificable que suman un total de 1.000 metros cadrados situadas en Canide. 
 
O Goberno local consegue deste xeito a creación dun gran parque público no corazón do centro urbano dun dos núcleos máis representativos da parroquia de Nós. O alcalde mostrouse moi satisfeito por alcanzar este acordo. Por un lado sinalou que esta operación é un claro reflexo da actividade do Goberno local e un exemplo de xestión.  «Co paso do tempo fomos conseguindo un patrimonio inmenso para Oleiros a través da xestión honesta do urbanismo»,  asegurou. Así mesmo, o rexedor congratulouse de que «deste xeito, e en certo modo, cúmprese o desexo da antiga propietario que legou esta propiedade no pasado século para a comunidade co obxecto de que fose utilizada polos fillos e fillas de nais solteiras», concluíu.
 
back link