Oleiros, 22 de agosto de 2014-. O Goberno Local vén de aprobar hoxe por unanimidade a reforma e ampliación da piscina municipal de Perillo.
Durante o pleno extraordinario celebrado hoxe na Casa Charry aprobouse por unanimidade a reforma e ampliación da piscina municipal de Perillo. Con estas obras procúrase adaptar o edificio ás necesidades das e dos usuarios, debido ás carencias iniciais que desde un primeiro momento foron denunciadas desde o Concello. Os vestiarios e as salas de actividades teñen unha superficie moi escasa para atender á demanda dos abonados actuais, o cal limita o funcionamento da instalación.
O Concello pretende acometer obras consistentes nun novo módulo de vestiarios e unha reforma dos espazos existentes no edificio para convertelos en salas deportivas.
O orzamento de execución ascende a 649.828 euros, dos cales 454.879,60 euros serán aportados pola Deputación, o equivalente ao 70% da obra, mentres que o Concello financia o 30% restante, 194.947,40 euros.
Así mesmo aprobouse a delegación ao Consorcio “As Mariñas” da realización das obras ou actuacións recollidas na convocatoria anticipada de subvencións para o 2014 na execución dos “Proxectos de aforro e eficiencia enerxética referidos á renovación das instalacións de alumeado público existentes nos Concello de Galicia”.