Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O Obradoiro do Corpo e EMOCIONARTE reinician a súa actividade con prazas dispoñibles

Oleiros, 30 de agosto de 2016-. A mediados de setembro reinícianse dúas actividades desenvolvidas desde o Plan de Igualdade: o Obradoiro do Corpo e EMOCIONARTE. Para participar nestas actividades aínda hai algunha praza dispoñible, polo que se abre un prazo de inscrición ata o 7 de setembro para aquelas persoas que puideran estar interesadas.

O mércores 14 de setembro, na Casa da Cultura de Perillo, reiníciase o Obradoiro do Corpo, que tras o éxito dos últimos anos e o incremento da demanda contará cun grupo máis. O Obradoiro do Corpo é un actividade non só física, xa que ten como obxectivos principais revalorizar a identidade de cada muller participante desde a propia actividade corporal, así como fomentar hábitos de vida saudables e favorecer unha maior vida social. O benestar postural, a tonificación muscular, a respiración e a relaxación, os estiramentos a conciencia corporal… son algúns dos aspectos a traballar, ademais de favorecer o intercambio de experiencias e o apoio mutuo.

Por outra banda, o venres 16 de setembro, retómase no Centro Municipal de Formación en Os Regos, a actividade EMOCIONARTE, un obradoiro de exploración persoal dirixido a mulleres e homes, co obxectivo de traballar as emocións, o valor da igualdade e a creatividade a través do audiovisual. Da man dunha psicóloga e dunha comunicadora audiovisual as persoas participantes  profundizan no recoñecemento das emocións elaborando un audiovisual. Este proceso creativo serve de ferramenta para acadar un maior autocoñecemento e crecemento persoal.

Como nas outras actividades valores como a igualdade e a diversidade, o respecto, a confianza... son aspectos que estarán presentes na dinámica diaria, buscando acadar un clima de confianza e de cohesión entre todo o grupo para desenvolver ese traballo creativo en positivo.

Para unha maior información as persoas interesadas poden dirixirse ao departamento de Servizos Sociais de Oleiros ou ben a través do teléfono de atención ao veciño 981 610 000.

No próximo mes de outubro tamén se reiniciarán outras dúas actividades máis desenvolvidas desde o Plan de Igualdade: un Obradoiro de Desenvolvemento Persoal e outro de Danza Espello.
 

back link