Oleiros, 4 de marzo de 2022-. O Concello de Oleiros ten convocada unha asemblea informativa para o vindeiro luns 7 de marzo, ás 19:30 horas na Fábrica. Están chamados a participar todos os veciños e veciñas residentes na zona de Sol y Mar na avenida das Mariñas, na marxe dereita dirección A Coruña.
No encontro informarase a todas as persoas asistentes das datas previstas para os cortes dos accesos aos garaxes, así como da alternativa para estacionar os vehículos. As obras avanzarán de 20 en 20 metros, ata xuño, polo que non afectarán a todos os veciños e veciñas de maneira simultánea.
Os garaxes da outra man da estrada, a marxe esquerda da avenida das Mariñas dirección A Coruña, non se cortarán nesta primeira fase. Todos eses veciños e veciñas tamén serán convocados a unha asemblea informativa, que se celebrará antes do inicio da segunda fase, que previsiblemente comezará no mes de xullo.