Durante a súa intervención, Belén Taboada destacou a permanente colaboración existente entre o Concello de Oleiros e Aspronaga, tanto na organización de actividades como no desenvolvemento doutras iniciativas destinadas a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias.
A concelleira trasladou o seu recoñecemento ás profesionais da entidade polo labor que realizan diariamente, así como ás familias polo seu apoio constante e compromiso. Ademais, puxo en valor os avances que a sociedade está a dar cara a unha maior inclusión e igualdade de oportunidades.
“Estamos a avanzar como sociedade para que todas as persoas teñamos as mesmas oportunidades independentemente das nosas capacidades, porque todos e todas somos diferentes e esa diversidade é unha riqueza que debemos seguir promovendo e respectando”, sinalou.
Belén Taboada tamén felicitou a Aspronaga pola traxectoria desenvolvida ao longo dos anos, destacando a súa capacidade para adaptarse ás necesidades das persoas usuarias e das súas familias. “Parabéns a Aspronaga polo camiño percorrido, renovándose e reinventándose día a día para ofrecer unha atención cada vez mellor e máis acorde ás necesidades de cada persoa”, concluíu.
A Festa das Familias volveu converterse nun espazo de encontro, participación e convivencia, reafirmando o compromiso de Aspronaga coa inclusión social e o benestar das persoas con discapacidade intelectual.