Oleiros, 18 de marzo de 2016-. Ante a anulación por parte do Tribunal Supremo da prórroga da Xunta ás concesionarias das liñas de autobuses, o Goberno municipal poñerase de xeito inmediato a traballar para que os veciños e veciñas do municipio dispoñan dunhas liñas de transporte público dignas que ofrezan o servizo que precisan os cidadáns.
O Concello de Oleiros apostará por mancomunar este servizo e solicitaralle á Xunta de Galicia que rescate aquelas liñas que afectan a localidades onde houbo un crecemento de poboación importante e nas que o servizo é moi deficiente. Como no caso da localidade de Mera, separada 4 quilómetros da cidade da Coruña por mar e cunhas conexións de autobuses que pasan cada hora e media.
Xa na reunión entre os alcaldes da comarca celebrada a pasada semana na Coruña, Ángel García Seoane puxo enriba da mesa a actual situación “terceiromundista” na que se atopa o transporte público en concellos como Oleiros, Arteixo ou Cambre con máis de 30.000 habitantes. O alcalde de Oleiros reclamou a necesidade de iniciar un estudo para buscar solucións a este grave problema. Unha situación á que a Xunta de Galicia nunca lle buscou solución xa que as empresas teñen obriga de prestar un servizo decente que sempre foi moi deficiente.