Hemeroteca

Asset Publisher

Back O goberno municipal apoia de forma incondicional ás traballadoras da limpeza a través dun manifesto no Pleno

Imagen O goberno municipal apoia de forma incondicional ás traballadoras da limpeza a través dun manifesto no Pleno

Manifesto

O Concello de Oleiros e o Goberno Municipal queremos manifestar o noso total apoio a todas as traballadoras que están contratadas pola empresa que presta servizo de limpeza en distintos edificios municipais e nos centros de ensino que levan 3 meses sen cobrar os seus salarios.

Esta situación é extrema, gravísima para as economías das familias afectadas; e está orixinada por unha empresa mafiosa e sen escrúpulos que se aproveitou das leis de contratación do Estado español para provocar que cheguemos ata este punto. Unha lei que non creamos  no Concello de Oleiros, trátase dunha lei que aprobou o goberno de Mariano Rajoy e que o actual goberno do PSOE tampouco modificou, tolerando este tipo de prácticas contra os/as traballadores/as.

Por parte do Concello estamos a facer todo o que a lei permite para intentar que as traballadoras cobren os seus salarios. É a propia lei a que non nos permite pagarlles directamente os salarios ás traballadoras. É necesario agardar a que exista unha resolución xudicial que autorice a facelo.

Precisamente como había problemas, chegou un punto no que, ademais de sancionar á empresa por incumprimento do contrato, esiximos tamén que se nos xustificase o pago das nóminas ás traballadoras. Neste momento o Concello ten retidos os importes das facturas correspondentes aos 3 últimos meses, porque somos conscientes de que se pagamos á empresa, seguramente as traballadoras non cobren; polo que a solución que hai a todo isto é a denuncia ante os tribunais por parte das traballadoras, que xa presentaron. O Concello, tan pronto como reciba a autorización xudicial procederá ao pago. 

A situación é moi complicada, somos plenamente conscientes, porque ademais coñecemos persoalmente a todas estas traballadoras, son amigas, veciñas, compañeiras, traballadoras exemplares… que, especialmente no caso dos colexios, fan un traballo imprescindible en beneficio dos nosos fillos e dos nosos netos.


Mentres a resolución xudicial non chegue, nos estaremos aí, en contacto permanente con elas. Xa o saben. As asesoramos para que denunciasen e puidesen cobrar. Como sempre actuamos desde o Goberno Municipal, de cara. E de ser o caso tamén, se hai situacións económicas delicadas, tamén estamos en disposición de axudar a través de servizos sociais.


Insistimos, o noso apoio ás traballadoras ante esta situación é total. Lamentamos moitísimo que teñan que vivir un trance tan complicado por culpa dunha empresa sen escrúpulos e por culpa dunhas leis estatais que en lugar de amparar á clase traballadora, protexen a compañías mafiosas e a grandes empresas.