Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Goberno local proporá ao Pleno unha unha actualización de varias ordenanzas fiscais

Oleiros, 23 de setembro de 2011-. O Goberno local do Concello de Oleiros proporá na sesión plenaria que se celebrará o próximo xoves unha revisión e unha actualización de varias ordenanzas fiscais que levan varios anos sen axustar o IPC.

A maioría das taxas que se revisarán levan sen actualizarse desde o ano 2008, polo que o incremento será o correspondente ao IPC correspondente ao período comprendido entre xuño de 2008 e xullo deste ano, un 4,4 %. Entre estas atópanse a taxa por licenzas de auto-turismos e vehículos de aluguer, a taxa do cemiterio municipal, taxa de lixo e a taxa por entrada de vehículos desde a vía pública a edificacións, locais e solares e das reservas da vía pública para entrada, aparcadoiros exclusivos, carga e descarga de mercancías de calquera clase. Pola súa parte, e tamén correspondente ao incremento do IPC atrasado, a ordenanza fiscal reguladora do prezo público pola prestación do servizo de venda de produtos derivados do material cartográfico municipal subirá un 3,9%.

Outra das taxas cuxo prezo se vería incrementado é a tarifa por abastecemento de auga que subiría un 5,26%. Neste sentido o Goberno local sinala que este servizo é na actualidade moi deficitario, que a pesar da revisión o continuará sendo e que o incremento non cobre a porcentaxe indicada polo estudo técnico da empresa subministradora.

Ademais destas ordenanzas fiscais que levan sen actualizarse desde o 2008 revisaranse dúas ordenanzas que cuxo importe non se actualiza desde hai máis anos. Trátase da taxa por ocupación de terreos de uso público con mercancías, materiais de construción e da taxa por instalación de terrazas en locais de hostalería que soben un 33,2%. A pesar desta subida ambas se atopan entre as máis baratas da comarca. Así mesmo, o grupo de goberno proporá a creación dunha taxa pola prestación do servizo de celebración de vodas e acollementos civís por un importe de 120 euros.

back link