Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O fundador da ONG ACOES visita Oleiros e entrevístase co alcalde

Oleiros, 30 de maio de 2016-. O padre Patricio Larrosa, fundador da ONG ACOES, estivo durante a xornada de hoxe de visita no Concello de Oleiros. O cooperante internacional, acompañado por unha representación da delegación galega desta ONG, mantivo un encontro co alcalde Ángel García Seoane e outros representantes do Goberno local para expoñer algún dos seus proxectos en Honduras e intercambiar impresións sobre a situación existente neste país e no resto de América.

Larrosa tamén pasou polos micrófonos de Radio Oleiros onde explicou o traballo que leva desenvolvendo en Honduras desde o 1992. O cooperante explicou que ademais das campañas de sensibilización que realizan en España, o seu principal obxectivo é previr a pobreza e a exclusión social dos menores hondureños a través de programas de educación e formación. Tal e como sinalou, os índices de asasinatos -20 cada día-, pobreza -70% da poboación- e  miseria -40% da poboación- son moi elevados, polo que apostan firmemente por proxectos educactivos entre os máis pequenos e pequenas para frear esas dramáticas estatísticas.

ACOES é unha ONG de desenvolvemento, sen fins lucrativos de ningún tipo, que ten como obxectivo poñer en práctica proxectos de axuda humanitaria para a poboación de Honduras. Todo o persoal que colabora nos diferentes proxectos a través da ONG é voluntario, e os cartos que recadan son destinados aos proxectos educativos, sanitarios, alimenticios e sociais. Tamén procuran ensinar a voluntarios hondureños para que sexan eles mesmo os que xestionen o seu propio futuro e aprendan a axudar aos seus compatriotas.
 

back link