Oleiros, 31 de outubro de 2012-. Este domingo día 4 de novembro celébrase a XXIII edición da Feira do Mel que organiza o Concello de Oleiros. A feira levarase a cabo dentro dunha gran carpa instalada na rúa, xusto diante do mercado municipal de Perillo. As persoas visitantes desta mostra poderán degustar, de balde, pan, queixo e mel que ofrecerán os distintos expositores deste doce produto. Este ano a feira conta con 29 apicultores chegados de toda Galicia.
Ao longo do día haberá distintas actuacións musicais. Pola mañá contaremos coa presenza de grupos de baile e gaitas, Semente Nova de Perillo e A Marola de Mera, xunto coa Banda da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros.
Durante a tarde a organización ofrecerá un magosto e unha queimada popular amenizada pola orquestra Os Trovadores. Contarase coa presenza de artesáns que amosarán os seus oficios tradicionais e animacións infantís para que os máis pequenos se divirtan e fagan actividades entretidas.