Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello toma posesión da gasolineira de Santa Cruz mañá para construír a rotonda

Oleiros, 25 de xaneiro de 2016-. O Concello de Oleiros será desde mañá o propietario da gasolineira de Santa Cruz. O Concello iniciará agora os trámites para cederlle os terreos á Xunta de Galicia para que constrúa canto antes unha rotonda. Ademais tamén está previsto a creación dunha zona de estacionamento para vehículos e unha parada de autobús.

O primeiro Plan xeral de ordenación municipal aprobado en Oleiros destina o espazo que ocupa a gasolineira a fins viarios e non a unha estación de servizo. O PXOM de 1984 establece a construción dunha rotonda para desconxestionar o tráfico na zona de Santa Cruz. Unha actuación que afecta a todos os veciños e veciñas do norte do municipio e aos numerosos visitantes que acoden ás praias. Segundo as medicións oficiais, 22.469 vehículos circulan cada día por ese punto da estrada.

O Concello de Oleiros decidiu agardar ata agora para levar a cabo a expropiación xa que se considerou que este era o mellor momento pola finalización do contrato de arrendamento. A licenza desta gasolineira é do ano 1959. Ampliouse en 1977 para instalar novos depósitos, pero o período de vida útil establecido por lei remataba hoxe.

A revogación da licenza da gasolineira débese, en primeira instancia, á vulneración da lexislación medioambiental sobre emisións de gases e á obsolescencia das instalacións. O Concello de Oleiros detectou en numerosas ocasións fugas de partículas e de aceites que contaminan o río de Santa Cruz. Cabe lembrar que esa acumulación de gases provocou, en 1986, unha explosión a un local de hostalería próximo ás instalacións de Cepsa.

A gasolineira tamén incumpría os horarios de apertura ao pechar as fins de semana e, en ocasións, non dispoñía de combustible para subministrar os vehículos. Numerosos veciños e veciñas puxéronse en contacto co Concello de Oleiros para amosar o seu malestar polo deficiente servizo que ofrecían aos condutores nesta estación. Segundo eses mesmos veciños e veciñas, os problemas debíanse aos impagos aos provedores do combustible. Os veciños tamén informaron que desde a dirección intentaron solucionar esa situación inducindo aos traballadores a solicitar préstamos bancarios, baixo insinuacións dun posible peche da gasolineira.

Os propietarios da estación de servizo, recibiron a primeira notificación  municipal en outubro de 2014, con máis dun ano de antelación. Tanto o titular, Cepsa, como o arrendatario, Distribuciones Taula, están completamente informados do proceso de expropiación desde entón.
 

back link