Oleiros, 05 de xaneiro de 2015-. O Concello de Oleiros solicitará á Xunta de Galicia que poña a disposición do Concello ou das entidades sociais de Mera a planta superior da casa do mar. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, intentará reunirse co conselleiro de Política Social proximamente para tratar este asunto.
A casa do mar de Mera foi construída no seu día para prestar servizo á xente que vivía do mar nas localidades do norte do municipio. Hai catro anos a Xunta de Galicia tomou posesión da planta superior deste edificio para facer unhas obras e crear un centro de día. Finalmente, o centro de día non se realizou e no seu lugar abriuse un centro sociocomunitario que ofrece actividades en horarios laborais, polo que os veciños e veciñas de Mera non poden participar nin usar estas instalacións.
Para que as diferentes entidades merachas, carentes de locais na actualidade, poidan empregar o primeiro andar deste edificio o alcalde solicitará unha reunión na Xunta de Galicia. A entrega desta planta ao Concello de Oleiros, ou ás entidades merachas, suporía un importante aforro para as arcas autonómicas xa que na actualidade hai dúas persoas a soldo para xestionar este centro sociocomunitario.