Oleiros, 27 de febreiro de 2015-. O Concello de Oleiros vai desenvolver un novo Curso de formación básica en voluntariado, no Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo nos Regos, o venres 13 e o sábado 14 de marzo.
O venres será en horario de 16:30 a 19:30 h e o sábado en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas. A inscrición é gratuíta e realizarase nos Servizos Sociais do Concello de Oleiros, ben en persoa ou ben a través do correo electrónico solicitando o formulario de inscrición a voluntariado@oleiros.org.
O curso, de 10 horas de duración, estará homologado pola Dirección Xeral de Voluntariado e está dirixido a todas as persoas que se incorporaron nos últimos meses ao Voluntariado de Oleiros e a aquelas outras persoas, veciñas do concello, que desexen incorporarse a esta actividade.
Durante a formación, impartida por profesionais cun amplo percorrido no sector e con experiencia constatada, proporcionaranse os contidos fundamentais do voluntariado a través dunha metodoloxía dinámica e participativa ao longo de todo o curso.